O Concello de Trabada acollerá o vindeiro domingo 3 de maio a partir das 12:00 horas a VII Festa Gastronómica da Enfariñada, que nesta edición se celebrará na explanada situada fronte ao parque da rúa San Roque. Debido ao crecemento continuo do evento foi necesario ampliar o espazo.
Esta festa, xa consolidada no calendario local, destaca pola súa esencia tradicional e pola implicación da veciñanza. Máis de 40 voluntarios e voluntarias participarán na elaboración da enfariñada in situ, mantendo viva unha receita tradicional que cada ano reúne a centos de persoas.
Nesta edición volverá haber opcións sen gluten, reforzando así o carácter inclusivo do evento. Ademais, repetirán as fiolleiras de Muimenta, que elaborarán as súas tradicionais filloas, e como novidade, contarase coa participación da Sociedade Cultural Ledicia, que ofrecerá un preparado con bonito de Burela, que tamén se poderá degustar acompañado da propia enfariñada.
O evento completarase cun mercado de produtos artesanais e de proximidade, así como cun amplo programa musical que inclúe as actuacións de Mestura de Nete, Grupo Lume e a Orquestra Marbella, reforzando así a aposta por unha xornada de convivencia e lecer para todos os públicos.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “a Festa da Enfariñada é un claro exemplo do que conseguimos cando traballamos xuntos como concello: unha celebración que nace da tradición, que medra ano tras ano e que une á veciñanza arredor da nosa gastronomía e cultura”. Así mesmo, animou a toda a cidadanía a participar “nunha xornada pensada para gozar, compartir e seguir poñendo en valor o noso”.
Desde o Concello sinalan que continúan apostando por este tipo de eventos que non só manteñen vivas as tradicións, senón que tamén contribúen a dinamizar a vida social e económica do municipio.
