O alcalde de Trabada mantén unha reunión co delegado do Goberno en Galicia para abordar os temas de acceso á vivenda e servizos no rural

O alcalde de Trabada mantén unha reunión co delegado do Goberno en Galicia para abordar os temas de acceso á vivenda e servizos no rural

O alcalde de Trabada, Rubén García, mantivo na mañá de hoxe unha reunión de traballo co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e coa subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, na que se abordaron diferentes cuestións de interese para o municipio.

Durante o encontro, tratáronse asuntos relacionados co acceso á vivenda no rural e os programas sociais nos que está a traballar o Concello de Trabada, e que se darán a coñecer nos vindeiros meses. Neste sentido, púxose en valor o traballo que se vén realizando desde o ámbito municipal para facilitar o acceso á vivenda e aproveitar espazos para uso social.

Así mesmo, o alcalde trasladou ao delegado diferentes necesidades do municipio, como o despregamento da fibra óptica ou o funcionamento do servizo de Correos, cuestións clave para garantir a igualdade de oportunidades e a calidade de vida da veciñanza.

A xornada completouse coa sinatura do Libro de Honra do Concello por parte do delegado do Goberno, quen recibiu tamén un agasallo institucional como recordo da súa visita, elaborado pola artesá local Lucía Catuxo, así como unha das cuncas da Festa da Enfariñada, realizadas pola Asociación Saúde Mental A Mariña.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “este tipo de encontros permiten trasladar directamente as necesidades do noso concello e seguir avanzando en proxectos importantes para o futuro de Trabada”. Ademais, subliñou “a importancia da colaboración entre administracións para mellorar os servizos e crear novas oportunidades no rural”.

 

Páxina anterior O Concello de Trabada remata as obras de mellora das vías no lugar de Louro, na parroquia de Sante

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados