Trabada ultima os preparativos da VII Festa da Enfariñada e anima a participar nesta cita gastronómica

Trabada ultima os preparativos da VII Festa da Enfariñada e anima a participar nesta cita gastronómica

O Concello de Trabada ultima os detalles para a celebración da VII Festa Gastronómica da Enfariñada, que terá lugar este domingo 3 de maio a partir das 12:00 horas na explanada situada fronte ao parque da rúa San Roque.

A poucos días da celebración, desde o Concello fan un chamamento á veciñanza e visitantes para que se acheguen a gozar dunha das citas máis destacadas do calendario local, que cada ano reúne a centos de persoas arredor da gastronomía e a tradición.

A festa contará, como é habitual, coa elaboración en directo da enfariñada por parte de máis de 40 veciños e veciñas voluntarios, mantendo viva esta receita tradicional que se converteu nun símbolo do municipio.

Un ano máis, a Asociación Saúde Mental A Mariña encargarase da elaboración das cuncas da festa, dentro da colaboración que mantén co Concello de Trabada, reforzando así o compromiso social deste evento.

Entre as propostas gastronómicas, repetirán as opcións sen gluten e as filloas elaboradas polas fiolleiras de Muimenta. Como novidade nesta edición, os asistentes poderán degustar tamén enfariñada con bonito de Burela, da man da Sociedade Cultural Ledicia.

Ademais, a xornada completarase cun mercado de produtos artesanais e de proximidade e cun programa musical que inclúe as actuacións de Mestura de Nete, Grupo Lume e a Orquestra Marbella.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “estamos a piques de vivir un dos días máis especiais do ano en Trabada, unha festa que representa o esforzo colectivo da nosa veciñanza e o orgullo polas nosas tradicións”. Así mesmo, animou a participar “tanto á xente de Trabada como a todas as persoas que queiran achegarse a descubrir unha festa única, feita con agarimo e coa implicación de todo un pobo”.

Desde o Concello subliñan que este tipo de iniciativas contribúen a dinamizar a vida social e económica do municipio, ao tempo que poñen en valor a identidade e a cultura local.

Páxina anterior O Concello de Trabada facilita un ano máis a presentación gratuíta da declaración da renda

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados