A piscina municipal de Trabada pecha hoxe as súas portas tras unha tempada de verán que deixa un balance moi positivo. Por primeira vez, as instalacións permaneceron abertas durante tres meses e acadaron o récord de asistencia.
Durante este verán, o Concello incorporou tamén diferentes novidades para mellorar o espazo e facelo máis cómodo para as persoas usuarias. Entre elas destaca a instalación de novas zonas de sombra, dispoñibles durante toda a tempada.
A piscina renovou ademais a súa imaxe cun mural realizado polo veciño Álvaro, que contribuíu a dar un novo aspecto ás instalacións municipais.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca que «conseguir que este ano a piscina estivese aberta durante tres meses permitiunos ofrecer este servizo durante máis tempo á veciñanza e ás persoas que nos visitan no verán, e o récord de asistencia demostra que foi unha decisión moi ben acollida».
García Freije incide tamén nas melloras realizadas: «queremos seguir coidando e facendo máis cómodas unhas instalacións que durante o verán se converten nun importante espazo de encontro. As novas zonas de sombra e o mural permitíronnos dar un paso máis nesta dirección».
De cara á próxima tempada, o Concello traballará para realizar coa suficiente antelación todos os trámites necesarios. «O noso obxectivo é poder volver abrir durante tres meses o próximo ano e consolidar unha tempada máis ampla, porque comprobamos que existe demanda e que é un servizo moi aproveitado», conclúe o alcalde.