Andrea Bianchi, de nacionalidade italiana, converteuse no primeiro peregrino en pernoitar no albergue municipal de San Xiao, ubicado na parroquia de Sante no Concello de Trabada.
A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, e a tenente alcalde, Julia María Barcia, déronlle esta mañá a benvida a Andrea Bianchi, procedente de Scandicci (Florencia) e que fai o Camiño de Santiago por séptima vez.
As obras do albergue leváronse a cabo durante o ano 2019 grazas á colaboración da Deputación de Lugo, que achegou 46.766,74 euros. Logo de rematalas, o Concello de Trabada realizou o equipamento do mesmo con fondos propios, aprobou a ordenanza que regula a tasa por utilización das instalacións e en novembro do 2020 a Xunta de Galicia autorizou o inicio de actividade.
Tendo en conta que a Xunta mantivo pechados ata o pasado 15 de xuño os albergues públicos pola pandemia e que no Concello de Trabada retomouse unha iniciativa privada, “decidimos que no momento no que houbera unha demanda que non se cubrira coa iniciativa privada poñeríamos a disposición dos peregrinos o albergue San Xiao”, explica Mayra García.
As instalacións contan con sete prazas distribuídas en tres literas e unha cama accesible para discapacitados, sete taquillas, dous baños con ducha (un deles accesible) e cociña-salón con sofá, lavadora, secadora, frigorífico e microondas. O servizo de aloxamento por noite ten unha tarifa de 5 euros (un euro para o uso dos servizos sen pernoita).
Para durmir no albergue, é preciso a reserva cun día de antelación mínimo chamando ao número de teléfono do concello 982 135 011. O horario de recepción dos peregrinos é desde as 11:00 ata as 15:00 horas. A saída do albergue deberá efectuarse con anterioridade ás 8:00 horas.
Pola súa parte, Andrea Bianchi manifestou que é “un namorado de España” e agradeceu a amabilidade de Yuli, que foi a persoa que se encargou de recibilo e de facilitarlle a súa estancia no albergue. Felicitou tamén ao concello polas instalacións.
A alcaldesa de Trabada recibiuno no Concello antes de continuar o seu Camiño, xa que no concello pódese selar a Compostela. Mayra García interesouse pola súa experiencia no Camiño e pola súa estancia no albergue municipal, trasladándolle os mellores desexos nesta sétima vez que recorre a ruta Xacobea. Este ano realizan en solitario o tramo dende Luarca a Santiago de Compostela e despois quere ir ata Muxía e Fisterra.