O colexio de Trabada inicia un novo curso escolar despois de que o Concello realizase nos últimos días diferentes traballos de mantemento e mellora das súas instalacións.
As intervencións levadas a cabo incluíron a mellora das portas de entrada ao centro, a substitución de cristais das fiestras e a reparación das persianas.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca «o importante esforzo que realizamos desde o Concello para coidar as instalacións do colexio e mantelas nas mellores condicións posibles para os nenos e nenas».
Coincidindo co inicio do novo curso, o Concello reforza tamén os recursos dirixidos ás familias. O vindeiro luns, 14 de setembro, comezarán os programas de conciliación Madrugadores e Ludiseráns.
O servizo de Madrugadores desenvolverase de 8:00 a 9:30 horas, mentres que Ludiseráns funcionará de 15:30 a 19:00 horas.
Nas próximas semanas está previsto tamén o inicio do servizo do Punto de Atención á Infancia (PAI), ampliando os recursos dispoñibles para facilitar a conciliación e apoiar ás familias de Trabada.
O Concello continuará traballando tanto no mantemento das instalacións educativas como na prestación de servizos de proximidade que respondan ás necesidades das familias.