A Festa da Enfariñada de Trabada recibe o premio "...E para comer, Lugo" nos VII Premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía

A Festa da Enfariñada de Trabada recibe o premio «…E para comer, Lugo» nos VII Premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía

A Festa da Enfariñada de Trabada recibiu esta tarde o premio «…E para comer, Lugo», na categoría de gastronomía lucense dos VII Premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía da provincia de Lugo, convocados polo Consello Provincial de Turismo.

Ata a Deputación de Lugo desprazáronse 14 cociñeiras e cociñeiros da Festa da Enfariñada, representantes da veciñanza que cada ano fai posible a celebración e que mantén viva a receita desde a súa elaboración ata o momento de servila.

O recoñecemento pon o foco nunha celebración que vai moito máis alá dun prato gastronómico. A Enfariñada forma parte da historia e da memoria de Trabada e estivo presente durante décadas na alimentación de moitas familias, especialmente nas xeracións que viviron os anos da posguerra e para as que esta elaboración era parte habitual da súa mesa.

Hoxe, esa historia segue viva grazas ás veciñas e veciños que cada ano se encargan de preparar a Enfariñada para a festa. Son eles e elas quen manteñen a receita, desde a súa elaboración ata o momento de servila, e quen fan posible que unha tradición que pasou de xeración en xeración continúe formando parte da vida de Trabada.

A representación das cociñeiras e cociñeiros da festa é, precisamente, unha das mellores mostras desa continuidade. Detrás de cada elaboración hai persoas da veciñanza que coñecen a receita, o xeito de preparala e todo o que significa para o concello.

Desde o Concello agradecen ao Consello Provincial de Turismo este recoñecemento e queren compartilo con todas as persoas que fan posible a Festa da Enfariñada, especialmente coas veciñas e veciños que, ano tras ano, poñen o seu tempo e o seu traballo ao servizo dunha tradición que segue viva.

O obxectivo é que a Enfariñada continúe medrando e sexa cada vez máis coñecida, pero sen perder aquilo que a fai especial: a súa relación coa historia de Trabada e, sobre todo, coas persoas que a mantiveron viva ata hoxe.

O premio ten carácter honorífico e inclúe un diploma acreditativo e unha peza de artesanía tradicional lucense. A resolución dos galardóns deberá ser aprobada agora pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, antes da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Páxina anterior O Concello de Trabada abre un novo centro de estudos na Casa da Cultura con acceso gratuíto todos os días da semana

Concello de Trabada

Rúa do Concello, 15, 27765
Trabada, Lugo

Luns - Vernes 8:00 am - 15:00 pm

© Concello de Trabada - Todos os dereitos reservados